John Blow
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1649 Nottinghamshire, Reino Unido |
Morte | 1 de outubro de 1708 (58/59 anos) Cidade de Westminster, Reino Unido |
Lugar de sepultura | Abadía de Westminster |
Mestre de capela Catedral de San Paulo de Londres | |
Actividade | |
Ocupación | compositor, profesor de música, organista, cantante |
Período de actividade | 1670 - |
Xénero artístico | Ópera |
Movemento | Música barroca |
Alumnos | William Croft, Jeremiah Clarke e Henry Purcell |
Instrumento | Órgano, órgano e voz |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography Dicionario Musical Riemann (1901–1904) Obálky knih, |
John Blow, nado en 1649 en Nottinghamshire e finado en Westminster (Londres) o 1 de outubro de 1798, foi un compositor e organista inglés do Barroco. Entre os seus alumnos figuran William Croft e Henry Purcell.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]É probable que John Blow nacese en North Collingham, no condado de Nottingham (Inglaterra).[1] Foi corista da Capela Real e distinguiuse alí pola súa excelencia en música[2] Xa a unha idade moi curta, compuxo varios himnos, entre os que cómpre salientar Lord. Thou host been our refuge ("Señor, en ti está o noso refuxio"), Lord, rebuke me not ("Señor non me reproches") e o chamado himno social, I will always give thanks ("Sempre darei grazas"), composto en colaboración con Pelham Humfrey e William Turner.
A esa época tamén pertence a composición de Robert Herrick, Goe, perjur'd man ("Vai, home perxurado"), escrita por encarga do rei Carlos I de Inglaterra, que imita a Dite, o cieli, de Giacomo Carissimi. En 1669, Blow foi nomeado organista da abadía de Westminster e en 1673 foi designado cabaleiro da Capela Real. En setembro do mesmo ano casou con Elizabeth Braddock, que morreu nun parto dez anos despois.
En 1678 acadou o doutoramento en música e en 1685 pasou a formar parte do grupo de músicos privados do rei Xacobe II de Inglaterra.
Entre 1680 e 1687 escribiu a única ópera: Venus and Adonis. Nela, Mary Davies interpretou a parte de Venus e a súa filla con Carlos II de Inglaterra, Lady Mary Tudor, aparecía como Cupido.
En 1687, foi nomeado mestre de coro da catedral de San Paulo, en Londres. En 1695 foi elixido organista de Santa Margarida, en Westminster, e dise que retomou o seu traballo como organista na abadía de Westminster, do que se retirou en 1680 para lle ceder o lugar ao seu alumno Henry Purcell. En 1699 foi nomeado no novo posto de compositor da Capela Real.
Obra musical
[editar | editar a fonte]Coñécense actualmente corenta obras de culto e máis de cen himnos de John Blow. Ademais desta música puramente eclesiástica, Blow escribiu, entre outras composicións[3]:
- Great sir, the joy of all our hearts ("Gran Señor, ledicia dos nosos corazóns").
- Odas para os novos anos de 1682, 1683, 1696, 1687, 1688, 1689, 1693, 1694 e 1700.
- Odas e composicións similares para a celebración dos días de Santa Icía de 1684, 1691, 1695 e 1700.
- Dous himnos para a coroación de Xacobe II: Behold, O God, our Defender ("Contempla, Señor o noso defensor") e God spake sometimes in visions ("Deus falou ás veces en visións").
- Pezas para clavicordio para a segunda parte de Musick's handmaid, de Henry Playford: Epicedium for Queen Mary ("Epicedium -oda fúnebre- para a raíña María"), en 1695, e Ode on the Death of Purcell ("Oda na morte de Purcell"), en 1696.
En 1700, publicou os seus Amphion Anglicus, colección de pezas musicais para unha, dúas, tres e catro voces, con baixo continuo.
Na coñecida Historia da Música de Charles Burney[4] ilústranse as "cruezas" das composicións de Blow, moitas das cales só amosan méritos nos esforzos de expresión inmatura característicos da música inglesa do período.
Blow morreu en 1708 na súa casa de Broad Sanctuary e o seu corpo foi sepultado na abadía de Westminster.
O tricentenario da súa morte foi conmemorado pola BBC Radio 3 e a abadía de Westminster: a emisión semanal da oración vespertina foi interpretada, na propia abadía, polo seu coro, maioritariamente con pezas do propio Blow.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rovi Staff. Biografía de John Blow en www.allmusic.com
- ↑ Datos biográficos de John Blow Arquivado 29 de marzo de 2020 en Wayback Machine. en Encyclopaedia Britannica.
- ↑ Obras de John Blow en www.allmusic.com
- ↑ Burney, Charles. A General History of Music. 1789
- ↑ Choral Evensong from Westminster Abbey on the anniversary of the death of John Blow, BBC Radio 3.
A Galipedia ten un portal sobre: Música clásica |